lunes, 6 de diciembre de 2010

IMOS COLECCIONAR PALABRAS



IMOS COLECCIONAR PALABRAS
Eu teño un dicionario de palabras. É un dicionario vivo que medra día a día porque cada vez que leo, anoto todos os termos que non entendo e busco no dicionario galego o seu significado. A continuación os ordeno alfabeticamente e os escribo no meu dicionario de palabras. Tamén anoto todas as palabras que recoñezo pero que non lembro o seu significado. Pensastes algunha vez cando foi a primeira vez que se pronunciaron vocábulos como aloumiño, congostra, faísca, mazaroca, prea ou tarabelo?
Existen filólogos, escritores e amantes das letras que foron anotando como eu cada palabra que escoitaban ao longo da súa vida. Grazas a eles esas voces consérvanse vivas e podemos recuperalas para relacionarnos, para entendernos, para expresarnos, para comunicarnos.
Cando estou escribindo, ás veces xogo a introducir unha palabra dentro da frase que estou construíndo. Por exemplo: escollo unha palabra das que están escritas máis arriba, “congostra” e creo unha frase con ela. Despois intento meter dúas palabras diferentes “mazaroca e faísca”. E así ata tres palabras introducidas nunha mesma frase. É moi divertido, así traballo a creatividade e aprendo mellor os significados, mais en ocasións escribo parágrafos enteiros imposibles de elaborar e non me queda máis remedio que renunciar e comezar de novo.
Todas estas palabras forman parte da nosa cultura, das nosas raíces, da nosa identidade. É a canle que utilizamos para relacionarnos e impregna o lugar onde vivimos, a nosa familia, os nosos costumes, a nosa historia.
O que vos propoñemos é ofrecervos este espazo para subir o maior número de palabras co seu significado e así formar o noso propio dicionario. Deste xeito podedes comezar rexistrando as palabras curiosas que procedan das vosas lecturas ou tamén preguntar aos vosos avós os nomes das árbores, peixes, lugares, artes de labranza e de pesca... ou o que se vos ocorra.
Ánimo nenas e nenos, nais e pais. É unha motivación para comezar unha colección. Unha colección de palabras.
Podedes deixar as vosas palabras en comentarios e cada semana subiremos o noso dicionario actualizado.
Antía deixa anotada a primeira.
Afartacáns: filloas do máis pobre que hai, só levan leite e fariña.

Xoán Carlos Riobó

Ilustración do libro "La gran fábrica de las palabras" de Agnès de Lestrade

6 comentarios:

  1. Risons: anacos de grasa de porco que contiñan un chisco de carne

    ResponderEliminar
  2. Eu tamén colecciono aquelas palabras que se utilizaban habitualmente onde eu me criei de pequena e que agora se están perdendo por falta de uso.
    Lembro cando a miña avoa me dicía cada vez que comía un cacho de peixe "nena, ten coidado coas arganas"
    Argana: espiña do peixe

    ResponderEliminar
  3. Esquecín de felicitar a Xoán por esta boa idea da que nos beneficiaremos todos e todas.
    Noraboa Xoán.

    ResponderEliminar
  4. Xoán, magnífica idea!! Temos que darlle un soporte informático onde poidamos participar todos e todas, por exemplo un google-docs. Estou pensando cal será a miña palabra...farei algunha entrada relacionada con ela. Afartacáns e argana, fantástico!! Un saúdo. Ana

    ResponderEliminar
  5. Na época en que eu era cativa sempre nos encargaban determinados traballos, dicía miña nai ou miña avoa: "nena vai mirar se a roupa está enxoita"
    Enxoita é o participio do verbo enxugar que quere dicir secar.

    ResponderEliminar